InicioOPINIÓNUnha cidade para vivir

Unha cidade para vivir

Publicada o

Por Francisco Jorquera

Moi poucos discuten que A Coruña é unha cidade moi agradábel para vivir. Reúne, pola beleza de moitas zonas da cidade e da súa contorna e outros atractivos, as condicións para ser un referente en calidade de vida.
O problema é que a carestía da vivenda fai que cada vez sexa máis difícil vivir na Coruña, até o punto de que moitas mozas e mozos non atopan na cidade solucións, a prezo accesíbel, para as súas necesidades habitacionais.
Os datos falan por si sos. No que levamos de século, o casco urbano consolidado da cidade perdeu 16.000 habitantes mentres que se duplicou a poboación dos núcleos da periferia do noso termo municipal.

No mesmo período, mentres a poboación do conxunto do municipio só medrou en 3.600 habitantes, apenas un 1,5%, o número de residentes nos Concellos da nosa contorna (Oleiros, Arteixo, Culleredo e Cambre) aumentou en máis de 38.000 persoas. Un incremento do 44%.

Por iso hai que demandar das administracións que ostentan as competencias unha política de vivenda digna dese nome.

Por parte da Xunta, desde 2009 non hai promocións de vivenda pública. Non abonda coas 40 moradas anunciadas en Xuxán, polas que, aínda por riba, seguimos agardando.

De resto, o Goberno central continúa sen desbloquear a lei de vivenda e sen poñer a disposición os inmóbeis da SAREB para os ofertar como vivenda social en réxime de alugueiro.

En Galiza bótanse en falta políticas fiscais, como as desenvolvidas con éxito noutras comunidades, que desincentiven manter as vivendas baleiras e promovan que se oferten en aluguer.

Tamén é moito o que pode facer o Concello: incentivar que haxa máis oferta, regular os pisos turísticos, apoiar de xeito máis decidido a rehabilitación ou incrementar o parque de vivendas de titularidade municipal para as ofertar en aluguer a prezo taxado.

Todos os cidadáns teñen dereito a unha vivenda digna e, desde logo, se queremos unha Coruña viva, sen barrios que se baleiran de poboación e onde a mocidade poida realizar o seu proxecto vital, as políticas de vivenda deben ser unha prioridade.

  • Francisco Jorquera Caselas. Voceiro do BNG no Concello e candidato á Alcaldía.

Máis artigos de Jorquera en XdC

ÚLTIMAS

As persoas en semiliberdade do CIS afondan na súa sensibilización ambiental

Continúa medrando o proxecto Entre Crebas, que está a convertir ás persoas que cumplen...

54 centros de ensino participarán no Día da Ciencia na Rúa

O Día da Ciencia na Rúa volverá ser unha realidade o vindeiro 4 de...

O Depor activa o modo ascenso

Xornada 33 – Deportivo 2 – 0  Cultural Leonesa Unha semana máis, un...

O Día do Libro celébrase co 150 aniversario de Picadillo, o gran supervendas da cociña

Vai coñecendo a xente da Coruña, e de Arteixo, a historia Manuel Puga y...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here